Francisco Luengo. Músico & luthier
Francisco Luengo. Músico & luthier
Mya Senhor Velida
Lais franceses e Cantigas de Santa María do rei Affonso X
En Mya Senhor Velida Malandança interpreta unha serie de composicións marianas dos séculos XII e XIII. Estas cantigas e “lais”, creadas nos dous centros principais da lírica medieval, Galicia e Francia, participan da nova idea que xurde na poesía trovadoresca: o amor cortés; amor que abranxe o profano e o divino, carnal e místico. Se no carnal é unha elevada dama a que fai penar o poeta, no místico enaltécese a aínda máis elevada Virxe María.
Da lírica francesa interprétanse dous “lais”, longas composicións cantadas, compostas por estrofas con versos de métrica variable, cuxa parte literaria pode ser narrativa ou lírica. A temática musical, organizada tamén por estrofas diferentes, mantén unha relación temática ao longo da obra.
O “lai” co que se abre esta gravación é o anónimo Plainte de la Vierge au Pied de la Croix no que a Virxe María
Recordare é unha antífona para o ofertorio que se cantaba na festa de María Mediadora. Este rol de mediadora é, a ollos medievais, a función principal da Virxe María; a intercesión e a defensa dos humanos, e a desculpa das súas debilidades.
No mesmo incide a cantiga de Alfonso X Nenbressete, Madre de Deus, contrafacta de Recordare, que traduce ao galego-portugués a antífona, expandíndoa con novos conceptos poéticos e musicais.
Ernoul "Le vieux" ou "Le Vielle", trobador de finais do s. XIII, é o compositor do Lai de Notre-Dame. Esta comprida obra comeza manifestándonos a súa intención de non servir a outra dona máis que á Virxe, promesa de fidelidade que tanto nos lembra as de Alfonso X nas súas cantigas.
nos fala en primeira persoa nun figurado lamento ao pé da cruz. É un lai dramático pero non narrativo, de expresividade case teatral.
Santa María loei, et loo e loarei, cantiga 200, de loor, é unha cantiga onde Alfonso X agradece á Virxe todas as bondades que con el tivo, referíndose a sucesos da súa historia persoal, como o feito mesmo de ser rei dunha “bõa terra”, o seu auxilio nas dolorosas enfermidades que padeceu e a súa defensa contra os conspiradores.
Na cantiga 340 Virge, Madre groriosa encontramos a relación fundamental entre as trobas galaica e francesa: o “Rey Sabio” recrea e contrafai a “estampie” Reis Glorios de Giraut de Bornelh, conservando mesmo a temática da “alvada”.
Malandança son:
María Giménez: voz, organistrum
Xurxo Varela: voz (Recordare), vyola de cinco cordas
Tin Novio: citola
Manuel Vilas: arpa románica
César Árias: alaúde
Francisco Luengo: vyolón, organistrum.
Dirección: Francisco Luengo