Violón ibérico de cinco cordas, baseada no orixinal conservado no Museo do Mosteiro da Encarnación de Ávila.
Tiro de 705 mm.
Materiais utilizados: Taboa harmónica en tres partes de abeto. Aros en nogueira. Fondo en tres partes de abeto.
Diapasón e cordal de nogueira. Chaves en talladas a man en buxo.
Xa que sempre ando interesado polos instrumentos raros, transicionais e pouco frecuentes, fixen unha copia o máis fiel posible de este violón único, conservado no Mosteiro da Encarnación de Ávila. Xunto a este violón atopanse dúas arpas barrocas, unha delas de dúas ordes, unha guitarra barroca, un baixón e un salterio.
As arpas, o baixón, o violón e a guitarra forman un impresionante conxunto, magnífico exemplo do máis clásico e habitual grupo de baixo continuo presente en todas as catedrais, mosteiros e igrexias importantes durante os seculos XVII e boa parte do s. XVIII. Os instrumentos parece que levan xuntos desde a sua construción, e polo menos tres deles, unha das arpas (a de dúas ordes), a guitarra e o violón teñen todo o aspecto de estar construidos pola mesma man ou ben no mesmo obradoiro, que facendo caso a arpa de dúas ordes sería o de Domingo Pescador.
A apariencia do violón, e a guitarra e moi sinxela, case tosco, dan a impresión de ser froito dun traballo rápido pero eficiente. As maderias empregadas no violón parecen unha desconcertante mestura de excelente nogueira para aros e diapasón, nogueira máis pobre para o brazo e abeto de vea moi ancha, en parte cortado ao cuarto, en parte en taboa (incluso con nos), para a taboa harmónica e o fondo. A elección destas madeiras parece ser a solución que atopou o constructor para proporcionar instrumentos dignos e funcionais a un pobre convento de Carmelitas Descalzas.
Tentei construir este violón reproducindo o máis fielmente posible o orixinal, tanto en madeiras (no conseguín madeira de abeto tan ruda como tería querido, pero escollín o máis parecido posible) coma nos seus espesores, que son inusuais e no método de traballo, rápido e efectivo.
Estes instrumentos do Mosteiro da Encarnación poden ser visitados nunha cela no museo do mosteiro. Eles fixéronme reflexionar acerca do escaso patrimonio organolóxico que conservamos en España e no mérito destas monxas que cun pouco de coidado e de limpeza conseguiron manter ata hoxe este conxunto único de instrumentos barrocos.