Francisco Luengo. Músico & luthier
Francisco Luengo. Músico & luthier
A “viola da gamba” foi no século XVII, xunto co laúde, o instrumento favorito da corte, a nobreza e as casas acomodadas en Inglaterra.
Todos cantos podían permitirse tal, facían por conseguir un “chest of viols” ou conxunto de violas que constaba de dúas violas soprano, dúas tenores e dúas baixos, é dicir, todo o preciso para disfrutar do “consort” en familia, ou entre amigos. Esta afección arraigou tanto, que os afeccionados chegaron a ser virtuosos que demandaban obras cada vez máis complexas.
Foi así como Christopher Simpson atopou un público devoto para o seu célebre método de viola nas súas tres edicións de 1659 (“The Division Violist”), 1667 xa co título "The Division Viol" e na edición póstuma de 1712. Neste libro están non só os rudimentos da técnica do instrumento, senon tamén amplas explicacións sobre da teoría musical e exemplos do xeito de facer variacións na viola. Esta práctica, a arte da variación, que acabou por ser a base mesma do estilo concertante barroco, fora importada de España e Italia un século atrás.
A variación adoptárase en Inglaterra cun estilo propio: a "division". En vez de facer as glosas sobre unha de voz alto, tiple, baixo ou tenor dunha composición polifónica, á maneira de Diego de Ortiz nas súas recercadas sobre madrigais, escollíase un baixo que se repetía, un "ground", coa súa particular estrutura armónico-rítmica, dun xeito parecido ás “recercadas sobre tenores” de Ortiz.
A viola da gamba, coa súa ampla tesitura e a súa facilidade para os arpexios e acordes, era un instrumento moi axeitado para interpretar "divisions". O propio Simpson era un consumado violagambista e isto pódese apreciar no uso que fai de todos os recursos do instrumento e nas pasaxes que, malia a gran dificultade técnica, resultan moi cómodas e idiomáticas para a viola.
O "ground" podía ser tocado por outra viola, ou ben por algún outro instrumento, órgano, clavecín ou laúde, ou simplemente se presentaba o tema ao principio da interpretación e nas sucesivas variacións era confiado á memoria do oínte.
No caso das variacións a dúas violas, ás que Simpson dedica o final do seu libro, cada unha das violas toca o baixo mentres a outra glosa, invirtíndose os papeis na seguinte volta. En ocasións as dúas violas glosan á vez, co que o baixo desaparece na práctica ou queda implícito no medio da glosa.
Esta gravación baséase nas obras do manuscrito Mus. Sch. C. 77, actualmente na Bodleian Library, que contén oito divisions a dúas violas. Christopher Simpon é o autor de cinco delas e John Jenkins das tres restantes. Hai outras dúas obras de Simpson, dúas “divisions” a solo do seu libro “The Division Viol”, e tres duos: dous anónimos e un de John Ward, os tres do MS ADD. 31424 na London British Library. Estes tres últimos presentan outro estilo, a fantasía, común en toda Europa e moi popular entre os violagambistas ingleses. Tiña un estilo contrapuntístico e imitativo e unha estrutura libre, non suxeita aos modelos das danzas ou variacións sobre temas coñecidos.
Para a gravación utilizamos dúas violas da gamba, copias do instrumento conservado no Victoria and Albert Museum de Londres construido por John Rose. Se ben o instrumento non está datado con precisión, de J. Rose sábese que traballara en Bridewell, perto de Londres na segunda mitade do século XVI. Éste é considerado o fundador da escola inglesa de construción de violas da gamba.
F. Luengo