Francisco Luengo. Músico & luthier
Francisco Luengo. Músico & luthier
Naceu na Coruña. Dende o ano 1979 adicouse ao estudo da interpretación con instrumentos e técnicas orixinais dos diversos estilos musicais anteriores ao século XIX. Comezou en 1981 a aprendizaxe da viola da gamba baixo a dirección de José Vázquez, profesor do devandito instrumento nos conservatorios de Viena e Winterthur, ingresando en 1988 na "Hochschule für Musik" de Viena.
Funda con Fernando López Pan e Miro Moreira, e dirixe dende a súa creación Capela Compostelana, grupo especializado na interpretación da música renacentista e barroca, que presta especial atención á recuperación e difusión da música española deste período. Neste terreo Capela Compostelana, ten publicado dous discos compactos, dedicados íntegramente á obra de Jose de Vaquedano (1642-1711) (“José de Vaquedano” , ed. Edigal e “Villancicos a Santiago” ed. Fonti Musicali), un dos principais compositores españois do siglo XVII, que foi "Maestro de Capilla" da Catedral de Santiago de Compostela.
No ano 2000 funda e dirixe o grupo Malandança, centrado na interpretación da música medieval, con instrumentos orixinais, froito do seu labor como investigador e construtor no eido da organoloxía medieval europea. Con Malandança gravou o disco “Unha noite na corte do Rei Affonso” ed. Clave Records.
En 2004 transcribe, coordina e dirixe a estrea mundial do drama litúrxico “Ordo Prophetarum”, (s. XII) editado posteriormente en DVD polo “Consello da Cultura Galega”.
En 2009 publica xunto con Xurxo Varela o CD "My Singular Entertainment, and Delight" (Ed. Actus), adicado a música inglesa para dúo de violas da gamba do século XVII, con dúos de Ch. Simpon,
J. Jenkins e outros autores. De novo con Xurxo Varela publica en 2013 “Le Nymphe di Rheno” (Ed. ACTUS), dobre CD coa integral das doce sonatas a dúo de Jean Schenck (1660± 1712).
No ano 2.000 foi nomeado profesor de viola da gamba no curso “Camino de Santiago, Cánticos, Cantigas e Cantos”, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, para a interpretación da música barroca con instrumentos orixinais.
En Decembro de 2014 participou impartindo master classes no 1º Encontro Iberico de Viola da Gamba, organizado pola ESMAE de Porto (Portugal).
Foi un dos seis construtores escollidos para participaren no “Proxecto da reconstrucción dos instrumentos do Pórtico da Gloria”, patrocinado pola Fundación Barrié de la Maza, feito entre os anos 89-92. Fixo parte, tamén, do equipo de especialistas do "Proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pazo de Xelmirez" emprendido pola Excma. Diputación Provincial de Lugo no periodo 93/94.
Desenvolve un intenso traballo en publicacións, ("El Pórtico de la Gloria, Música, Arte y Pensamiento", editado por Cuadernos de Música en Compostela, "Los Instrumentos del Pórtico de la Gloria", editado por la Fundación Barrié de la Maza, Instruments à cordes du Moyen Age, CERIMM, Fondation Royaumont, editado por Créaphis, Instrumentos de Corda Medievais, editado pola Deputación Provincial de Lugo), conferencias e exposicións.
Colabora con diversos grupos de música antiga, realizando con eles concertos e xiras por Europa, América, África e Asia, grabacións discográficas e programas para a radio e televisión de diversos países.